Por ser citado en numerosas ocasións, seguro que lembran aquel texto de Mariano José de Larra, “Vuelva usted mañana”, para referirse á lentitude da administración. Esa actitude, segue aínda vixente hoxe en día. Unha proba son os catorce anos nos que se empezou a concentración parcelaria da parroquia de Cerqueda e que aínda non rematou.
Isto ocasionou tal cantidade de problemas ó agro de Cerqueda, xa de por si sector decadente, que provocaron unha quebra nas actividades agrarias desta parroquia. Nunha freguesía de marcado carácter rural ter o seu territorio produtivo estancado significa presentarlle a morte económica en fonte de prata. Os principais responsables foron a administración autonómica, por non resolver un problema iniciado por eles mesmos. E a administración local, por deixar os veciños vendidos, ó pairo e indefensos fronte á consellaría do ramo.
Ó longo destes catorce anos houbo persoas que xa faleceron e, por non estar a parcelaria rematada, foilles imposible realizar o reparto de herdanza. Por outra banda, hai agricultores con produción en invernadoiro e levan anos sen ampliar o seu negocio, aínda sabendo que o mercado lles demanda máis produto, por non coñecer cales serán os seus terreos. ¿Que alento lle esperaría a unha empresa de calquera sector que se lle prohiba a expansión durante tres lustros? Patético.
Non cabe en cabeza ningunha como despois de todos estes anos a parcelaria de Cerqueda estea aínda sen rematar, mentres que, todo o contrario aconteceu en Centiña (Coristanco); as máquinas desprazáronse de Cerqueda para alí e esta está finalizada e as leiras entregadas ós seus propietarios.
En todo este tempo, a administración local malpicá amosou un escaso interese pola finalización da concentración de Cerqueda. En ocasións levouse a pleno, alí tiráronse os trastos á cabeza uns ós outros, pero o problema ficou sen resolver. Todo foi papel mollado, unicamente palabrería. E o que é máis grave, no Concello mesmo parece que se chegaron a perder os papeis da concesión das pistas da parcelaria. ¿Entenden tamaña irresponsabilidade? Pasaron distintas formacións políticas polo goberno e ningunha puxo un responsable encargado de facer un seguimento para o cumprimento de prazos da mesma. ¿A agricultura no termo municipal Malpica non é unha área estratéxica para o goberno local ou só interesan as inmobiliarias para encher a andorga?
Na actualidade, na administración autonómica parece haber un claro intento para desbloquear esta parálise. Responsables da Consellaría de Medio Rural, nunha mostra inequívoca para resolver este xa eterno problema, exporán diante dos afectados cál é a situación actual da concentración parcelaria de Cerqueda. Polo tanto, agardemos pronta solución para a mesma. Despois de tantos anos, os veciños destas lindes quedaríanlle agradecidos de certo.
O pasado 26 de agosto, nunha reunión da Comisión Letras Galegas para Labarta Pose, souben do falecemento, sentido para min, de Braulio Astray Romero, avogado, xenealoxista, ex-director dunha entidade bancaria na vila de Baio, dinamizador do club de xubilados de Caixa Galicia, labartiano empedernido e persoa culta e coñecedora dos aconteceres históricos e culturais da Costa da Morte.
Coñecín a Braulio Astray contra 1992 cando comecei a pescudar sobre Enrique Labarta Pose. El foi unha das pezas clave na consecución de datos sobre o autor de A festa da Patrona de Tabeirón. Da primeira reunión que mantivemos teño gardados eternamente na memoria tres momentos da conversa.
Un era a súa lembranza de “O Carme do Briño” poema que describe a romaxe que se celebra en Borneiro cada 18 de xullo; no ano 1936, Braulio, sendo mozo, acudira a esta romaría e, no momento do estalido da Guerra Civil, ordenouse desfacer a festa e marchar para a casa. Un segundo foron as súas viaxes a Noia para ver as corridas de touros; el acudía esporeado polo poema de Labarta “Revista dunha corrida ¿de touros? na vila de Noia feita por un labrego”. E o terceiro momento foi cando me comentou que era unha pena que chegase naqueles momentos a estudiar a vida e obra de Labarta; debería facelo con anterioridade, pois quen me sería de axuda imprescindible era o falecido, por aquel entón, Francisco Romero Lema, gran coñecedor da vida e obra do escritor.
Pero a enorme xenerosidade do amigo Braulio Astray foi moito máis aló daquela reunión. O seu labor de investigación nos libros de actas parroquiais érame imprescindible para que puidese aclarar definitivamente as pegadas cronolóxicas de Labarta. Mostra diso é a correspondencia que cruzamos a miúdo e na que el me achegaba apuntamentos ou árbores xenealóxicas. Como tamén, cando realicei o catálogo de Manuel Lema Otero, Braulio brindoume sen interese o acceso á obra que el tiña deste home exemplar e hoxe, tras cinco anos, lamentablemente esquecido.
Afirma Xelucho Abella Chouciño que cada vez que falece un dos nosos maiores esmorece toda unha memoria de vida. O pasamento de Braulio Astray supuxo moito mais ca iso, porque el percorrera todos eses camiños cotiáns pero, ademais, véndose fortalecido pola súa angueira de lector incansable e pola de investigador sen fatiga. Mostra disto último foi que, nunha das visitas realizadas ao seu despacho, me fixo desfilar cuartillas nas que anotaba tipoloxías de propiedades, reparticións de bens e outras denominacións de terreos. Quizais a súa timidez impediuno publicar un material lingüístico que sería de enorme interese.
O amigo Braulio Astray deixounos aquí na terra, pero igual có Tío Miseria ten un anaco de ceo gañado. Con envexa pola nosa parte, el poderá gozar da festa da Patrona de Tabeirón e, na compaña de Labarta Pose, acudirá ao baile amenizado polo “gaiteiro Xan Mella / gaiteiro tan afamado, / que n’había festa algunha / nin romería de campo, / nin cousa en que houbese gaita, / sin que Xan fose chamado; / pois a gaita de Xan tiña / algo que non era humano, / algo que facía a un tempo / chorar e rir sin pensalo”.
Se consideramos que somos autodidactas nisto da arqueoloxía (Pondal ensinounos a amar as grandes pedras e o confín dos verdes castros) queremos que os lectores tomen a seguinte aseveración con certos reparos: na comarca, as grandes xoias arqueolóxicas encóntranse en Malpica de Bergantiños.
Da época megalítica sobrancea a necrópole tumularia de Cerqueda formada polas antas da Pedra da Arca e da Pedra da Mina (restos), así como por tres mámoas máis. Hai poucos días varias persoas maiores desta parroquia, totalmente fiables, informáronnos que case no cume do monte da Arxa tamén houbera outra anta, destruída xa hai décadas. Nas parroquias de Malpica de Bergantiños, Vilanova e Mens tamén podemos seguir as pegadas de varias mámoas. Autores como Uxío Carré Aldao fálannos do círculo lítico do monte Neme, hoxe totalmente destruído pero do que se conservan dous restos toponímicos que fan referencia a ese xacemento (A Eira das Meigas ou O Circo dos Xogos), así como a súa lenda.
Aviño
Da Idade do Cobre, encontrouse, no lugar de Aviño, unha hacha dese mesmo material que foi estudiada polo profesor Monteagudo. E da Idade do Bronce temos unha mostra gardada no Museo Arqueolóxico da Coruña como é a Cista de Taraio, encontrada polo labrador Manuel Outeiro durante o arado dunha leira; realizado o levantamento do moimento achouse un vaso de cerámica e un puñal propios desta época. Da Idade de Ferro volve cobrar relevancia a aldea de Aviño; será tralo achado dunhas espadas de empuñaduras de antenas.
En Malpica de Bergantiños non podemos dicir iso de que cada parroquia seu castro. Todo o contrario, a riqueza castrexa é tan grande que nos deixaría quedar por mentireiros. Mens cos seus dous castros (o da Torre e o das Lamas) e Cerqueda tamén (A Croa do Castro e o Castro de Taraio). A Croa do Castro case dobra en tamaño a Cidá de Borneiro. Tampouco son comparables as toneladas de peso da Pedra da Arca coas de Dombate. Por outra banda, ¿que suporía, de ser escavado, o emprazamento da Croa do Castro ao lado dun xacemento de barro como é o Couto dos Barreiros en canto a achados cerámicos nesa escavación?
O que si nos enche a meniña dos ollos é o castro de Punta Galeana. Para Antón Rodríguez Casal é “un castro perfectamente marítimo” e no tocante á súa morfoloxía “un dos máis interesantes de Bergantiños”. (Por certo, as vivendas domingueiras están triscando a dentadas os seus parapetos). ¿Que se fai para subsanar isto?
Cremos que este recinto ten aínda máis valores, perceptibles a simple vista, que falan do seu enorme interese. Estratexicamente situado na desembocadura do río de Vaa, lugar a onde irían mariscar os seus habitantes. Ao lado, posúe un porto natural (Porto da Tella) que utilizarían para as súas embarcacións. Isto significa que estamos a falar de un dos primeiros portos usados en toda a historia de Malpica, xunto con Barizo, cremos. A escasos metros, á súa dereita, está o Castro de Santo Hadrián, no Monte do Castro. Son, polo tanto, dous recintos castrexos ao abrigo do monte de Beo coas Sisargas no horizonte (¿quen serían entón os primeiros percebeiros da Illa?) e toda a enseada de Esteiro para navegar polas quillas das súas naves. ¿Acaso alguén preguntaba pola oitava marabilla?
Ás veces, cando un está a desgusto co presente que lle tocou sufrir, sempre lle resulta terapéutico navegar cara un pasado tan ricaz. “Aínda recordo, aínda, / cand’eu...”
Malpica de Bergantiños naceu como vila mariñeira. Primeiramente, como un dos portos baleeiros máis importante da Península; naquel tempo de esforzados e heroicos cazadores de baleas tal como nolo lembra o pintor coruñés Urbano Lugrís nun dos murais que colgan nas paredes da Casa do Pescador. Despois, e na actualidade, como un dos máis salientables portos de baixura da costa galega.
Pechemos os ollos. Transportémonos no tempo. Imaxinemos cómo sería aquela pequena vila séculos atrás. Por terra, case ningún camiño levaría a algures. Sen embargo, por mar, todos os ronseis eran dos malpicáns, tanto ó norte coma ó sur das Sisargas. O casarío, de pegada arquitectónica característica, propio dunha identidade de noso, abrigaríase do nordés nas faldras do monte da Atalaia. E este monte, coma península chantada nas augas do Atlántico, era punto vixía, ollo á espreita do paso das baleas en ruta migratoria. Os chafarices destes cetáceos, esas fontes de auga que, intermitentes, emanaban das súas calugas, eran as delatoras da súa presencia.
Un chafariz no horizonte mariño. Outro geyser de auga nos salseiros das Sisargas. Como campá que chama polos fregueses, anúnciase unha dura xornada de caza mariña. Os homes fornidos baixan á Ribeira (aínda hoxe se coñece o porto de Malpica como “A Ribeira”; e se emprega a expresión “traballa na Ribeira”, “vou traballar á Ribeira” co significado de traballar no porto). Sacan as lanchas ou traíñas do pequeno areal e, ás présas, bótanas na auga coa Plancha como testemuña de temporais. Agora, cada quen ó seu banco, cada quen á súa parella de remos. Se o vento o permite, arríase a velame; senón, as grosas mans encalecidas dos mariñeiros son as que moven a traíña, coma se dunha competición olímpica se tratase trala procura da balea que se escabulía. ¿Cantas medallas de ouro deberían ter gañado aqueles malpicáns?
Chégase á balea. Vívese xa o miolo da xornada de caza. O arpoeiro co seu ferrete brandido polo forte brazo. Míraa con cariño e con carraxe. Ela tamén é unha parte de si. Lévaa dentro do seu soño cada noite.
Horas e horas, quizais tamén anoitecidas, arrastrados por unha balea que desangra a súa agonía. Un fato de homes na súa cuncha de noz que agarda a morte helénica do cetáceo ou, polo menos, a que rinda as súas forzas. Peregrinación mariña polo golfo Ártabro ou polos mares de fóra de Malpica, daquela non aínda de Bergantiños. E despois desta intensa loita, a remar de novo cara á Ribeira. Como lastre o sono nas pálpebras, a suor na fronte e os escasos alentos de vida que pode marcar un ronsel de balea moribunda.
No areal agardan outras miradas para comezar outra dura xornada, agora fóra das embarcacións. Iníciase o despece. As caldeiras a fervelluar. O saín. E as costelas que esperan soster o teitume de cada nova casa mariñeira que vai marcando o próspero evoluír da vila.
As lanchas ou traíñas réndense na area á procura de novos chafarices. As mans dos remos derrotados quentan as conversas en cada taberna portuaria mentres o sol se vai pondo contra a banda das Sisargas.
Quero agradecer á organización da Festa do Raxo por me convidar a ser o pregoeiro na presente edición. En realidade xa me chamara Suso do Panadeiro o pasado ano pero a Festa do Raxo coincidíame cunha voda, así que preferín botarlle o dente antes ó marisco de mar antes có raxo, antes có marisco de cortello, nada desprezable tampouco.
Digo que é emotivo para min ser hoxe pregoeiro porque parte da miña familia é de Brantuas. En concreto meu pai naceu en Brantuas de Baixo na casa de Florentina de Alfredo, na que viven hoxe Carme de Alfredo e Santiago de Portugués, ó lado da casa de Amarelle e de Serantes
No nomenclátor aprobado pola Xunta de Galicia dise que a parroquia de Brantuas tan só está formada por tres lugares: Brantuas de Riba, Brantuas de Baixo e Os Ánxeles, pero se botamos andar polas camiños da parroquia e falamos coa xente vemos que esta listaxe de rueiros habitados por veciños son moitos máis: O Pomar, Río de Baixo, A Rucheira, Os Boscos ou A Rúa Nova.
O nome de lugar A Rúa Nova resulta para nós sorprendente. ¿Por que unha aldea ten un topónimo chamado Rúa, e sobre todo Rúa Nova? ¿Se hai Rúa Nova será porque antes habería unha rúa máis antiga? Para nós a existencia destas dúas rúas posiblemente se deba a uns pequenos agrupamentos de casas. Posiblemente fosen os núcleos de casas máis antigos da parroquia.
A toponimia da parroquia tamén nos ofrece datos curiosos como por exemplo o hidrónimo Fonte Feala que pode ter dous significados. Fonte rodeada de feo, de xunqueiras ou fonte fiel, fonte con auga abundante. Por outra banda, desta fonte meu pai sempre me di que tiña unha auga nada catarrenta.
O val de Brantuas, que comeza nas faldras do monte Nariga en plena parroquia de Niñóns e se vai estendendo ata as casas de Carballido ocupa un lugar de honra na literatura galega. E isto grazas o poeta nacional por excelencia, grazas ó bardo Eduardo Pondal veciño noso de Ponteceso. Un dos máis importantes poemas do seu libro Queixumes dos pinos fálanos da grandiosidade mítica do val de Brantuas. Pondal quería que o bardo Gundar (é dicir, el mesmo), fose enterrado aquí, porque para el esta era a terra dos celtas, terra do caudillo Coudindo e terra onde cazaba corzos a fada Rentar. Para comprobalo, leamos uns pequenos fragmentos do poema: “-¡Salvage val de Brantoa, / en terra de Bergantiños, / ouh val amado dos celtas / e dos fungadores pinos! / cando Gundar, prob’e’scuro, / sea deste mundo ido, / no teu seo silencioso / concédelle, val amigo, / sepulcro a modo dos celtas, / tan só de ti conocido; / ¡Salvage val de Brantoa, / patria do forte Coudindo, / ond’a garrida Rentar / trougo o paso fugitivo, / os corzos, co curvo arco, / animosa perseguindo, / na túa soedá recebe, / este bardo peregrino, / ouh valle de vagas brétomas / e dos rumorosos pinos!”
Debemos entender a palabra ‘salvage’ que aquí utiliza Pondal como terra virxe, non tocada polo home, senón espazo natural.
Este monte do Faro que hoxe pisamos é un dos espazos míticos de Galicia. Aquí ten lugar cada 8 de setembro a gran romaría desta parroquia. Non queremos entrar na polémica se esta romaxe pertence a Corme ou a Brantuas. Para nós o importante é que o monte Faro se converteu nun espazo de encontro non soamente local senón de persoas de toda a comarca e mesmo de fóra dela. A romaxe da Virxe do Faro continúa a ser unha das importantes romaxes da Costa da Morte xunto coa da Virxe da Barca de Muxía, Santo Hadrián de Malpica, Santa Margarida de Montemaior e o San Fins do Castro.
Ó longo da comarca de Bergantiños podemos identificar algúns lugares ou parroquias con oficios que lle foron propios ó longo do tempo. Así, Neaño é terra de ferreiros, Corme Aldea de músicos de banda, Canduas de carpinteiros de ribeira, Anllóns de muiñeiros, Malpica e Caión de cazadores de baleas, Corme Porto de mariñeiros de cabotaxe e Brantuas, como non, é sonada terra de canteiros.
Dicimos que Brantuas é terra de mestres e peóns canteiros. Eu mesmo son dunha estirpe de canteiros e téñoo en moita honra. Meu pai foi canteiro durante a súa adolescencia e mocidade mentres non marchou traballar á minería de Asturias. Sabe todo o latín dos canteiros de igual maneira que o saben moitas persoas que viven en Brantuas. Sería un traballo importante recoller toda esa sabedoría lingüística que cada vez se está perdendo.
Os canteiros de Brantuas non eran simples señoritos. Traballaban a pedra de sol a sol. Pisaban as madrugadas tripando polos camiños para chegar ás obras, para levantar casas na Ourada, en Asalo, en Mens, en Cerqueda, en Corme; é dicir, en toda a volta.
Os canteiros de Brantuas traballaban a pedra de principio a fin. Arrancábana nos montes do Roncudo con ferro e forza, con cicel e cuña. Transportábana á obra. Labraban as pezas de cantería que despois farían de portas, ventás, vertedeiros, poios. Paredaban por dentro e por fóra. Os rapaces subían as escaleiras dos andamios cargados con táboas de barro amasado e mollado.
En Brantuas houbo un canteiro histórico, unha verdadeira personaxe lendaria: chamábanlle o Tío Madruga. Como dixemos, unha lenda rodea a vida desta figura exemplar. Todo nel era mítico. Levantou fermosas caras de arquitectura mariñeira no porto de Corme, mesmo na rúa principal. Del cóntanse varios contos que teñen tanto interese que mesmo deberían ser levados ás páxinas dun libro ou incluso se podería chegar a facer unha película.
Meu pai tenme contado varios contos do tío Madruga. Eu quero rematar este pregón, cunha pequena homenaxe a este canteiro e figura popular. O primeiro conto é o da cucha sen dentes de riba; o segundo, o da igrexa de Cormelle.
Sen máis. Queremos agradecer de novo que nos chamasen para ler este pregón aquí na terra nativa de meu pai. Felicitamos á comisión organizadora da Festa polo seu esforzo e traballo. Desexamos que a festa teña longa vida e se converta cada ano na mellor romaría gastronómica da comarca. E, por último, desexamos un bo proveito a todos e a todas e que disfrutedes da mellor peza de carne deste animal chamado porco pero que é un verdadeiro marisco, marisco de cortello, que ata non hai tantos anos se comía enteiro, desde o fociño ata o rabo.
Monte do Faro (Brantuas), 4 de xuño de 2005
Por sétima vez, a Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños) celebrou unha cita clásica no verán da Costa da Morte: o Festival Ruadas de Bergantiños. Ruadas de Bergantiños naceu coa pretensión de poñer enriba do escenario os verdadeiros gardiáns da música e danza tradicional do noso país, de amosar folclore en estado puro. Desta maneira, ao longo das sucesivas edicións, acudiron á convocatoria ineludible de Raigañas a totalidade dos músicos e bailaríns populares de Bergantiños, Soneira, Xallas e Nemancos. Muiñeiras vellas, xotas, pasodobres, cantares, sons de gaitas, tamborís e bombos ou ritmos de acordeóns constituíronse nunha imprescindible antoloxía da música e danza tradicional da Costa da Morte que quedou prendida para sempre na retina e oídos dos espectadores que acudían fielmente a cada festival
Andando o tempo, Ruadas de Bergantiños acadou unha maioría de idade que o converteu nun referente das artes escénicas populares da bisbarra. Por unha banda, esta maioría de idade outorgoulle prestixio, pero, por outra, converteuno tamén unha seria chamada de atención para que manteñamos viva tanta tradición legada polos nosos antepasados. Salientamos isto, porque ao longo destas sete edicións xa foron varios músicos e bailaríns que deixaron de estar con nós. E coa convocatoria de Ruadas, Raigañas quere dicir en voz alta, en voz moi alta, que cada vez que morre un dos nosos maiores, desaparece unha parte do legado cultural da Costa da Morte que está, desgraciadamente, sen recoller, clasificar e divulgar.
Non era a primeira vez que Ruadas se convertía en xornada de homenaxe para lembrar músicos populares, dado anos atrás se lle tributaran honras á cantadora e pandeireteira, María de Erbecedo. Na edición deste ano, a nómina de recoñecidos foi ampla. José de Anido, do lugar de Pontella (Santiso. Malpica de Bergantiños), bailador do grupo de música e danza tradicional Raíces Combinadas. Eduardo de Menucha (O Jay Jay), bombo d’Os Gaiteiros Enxebres de Neaño (Cabana de Bergantiños) e a súa dona, a señora Pepa; o cartel do VII Festival recollía unha imaxe deste matrimonio de cantadores e músicos populares nunha das pasadas edicións de Ruadas de Bergantiños. José da Viúda, gaiteiro de Cances (Carballo), quen tamén fora homenaxeado meses atrás pola Asociación San Campio de Cances. E, por último, Eliseo de Goriño, bailador do lugar das Pozacas, parroquia de Cerqueda.
Con Ruadas de Bergantiños, a Asociación Cultural Raigañas rescata a memoria ancestral do noso pasado e presente, amosa a viveza do folclore, ensínanos que a Galicia de raiceiras populares aínda continúa viva nas persoas maiores, fiel espello no que mirarse, aprender e transmitir. En Cerqueda, Malpica de Bergantiños, Raigañas fai Cultura, con maiúsculas, sen trampa nin cartón.
Na «Ribeirana de Cerqueda» hai un cantar que di así: «En Cerqueda non hai homes, / homes hainos na ribeira; / hainos de media polaina, / hainos de polaina enteira». Destes versos interesa o apelativo «A Ribeira», nome co que se coñecen os lugares desta parroquia malpicá emprazados contra a banda do mar: O Ceán, Algadán, A Lagoa, Loroxo e Ardeleiro. Minúsculas aldeas que se adiviñan na banda dereita da estrada Buño a Malpica e que buscan refuxio entre as agras que testan nas estremas dun suave cordal montañoso que se rende en cantís nas augas do Atlántico.
Neste cativo cordal, escóndese un val de ribeira, inédito, salvaxe, dominado polos ventos: A Rega. Chégase a el desde O Ceán, podendo optar o camiñante por dúas das marxes do val: unha que nos levará á Cabeza da Rega, á Casa do Xacintón, á Corte das Cabras; outra, pasando polo campo de fútbol, que, ademais da Rega desemboca na praia de San Miro.
Collemos a marxe esquerda do val. Transitamos por piñeirais interrompidos ata bater coa Cabeza da Rega, alí onde o nace val e se axeonlla buscando o mar. Nas fontenlas da Cabeza nace un pequeno regato: o Rego da Rega. Continuamos polo camiño de servidume ás chousas que se converteu agora en faixa de cortalumes, facendo posible así o noso acceso. A vella corredoira, testemuña de centos de carradas de herba, védase hoxe ó paso humano poboada dun sen fin de toxos e xestas en flor nesta primavera.
O Rego da Rega é cativo, quizais un par de metros separen as súas marxes. Pese ás cinco fontes que lle dan auga, nestas datas baixa escaso, sedento. Pola contra, noutrora era abrevadeiro para o gando e mollaba as pedras de dous lavadoiro a onde acudían as mulleres do Ceán.
No primeiro cortalumes a travesa, baixamos pola dereita a carón dun espeso piñeiral de repoboación. Acompáñanos unha densa ramada e unha mesta capa de arume érguese desde o chan ata as primeiras pólas. Proseguimos ata o remate do camiño. Detémonos alí onde o rego se anchea nun pequeno remanso. Na tranquilidade do lugar oiremos a música do río. Levantemos a mirada cara o noso entorno e decatarémonos da pequena humanidade que somos perante tanta natureza.
Metámonos agora no bosque, pola alfombra de arume, seguindo unha vella corredoira. A escasos metros xorde na altura a Casa do Xacintón. A Casa do Xacintón encóntrase na ladeira esquerda da canle pola que discorre do Rego da Rega. Desde lonxe divísase como un petón se abre nunha cavidade frontal que observa o regato desde a altura. Unha viseira de pedra que abriga unha cova duns catro metros de profundidade. No seu chan, cuberto dun po de area escura nacido da erosión das súas paredes, grávanse pisadas de aves que buscan acubillo nas noites. Como ata hai anos esta era zona de praderías e pastoreo, cando chovía os rapaces que coidaban do gando (ovellas e vacas) abrigábanse nesta cavidade. Ningunha persoa de Cerqueda garda memoria do porqué do seu nome. Nós propoñemos un apelativo humano para o seu bautizo. Probablemente, moi recuado no tempo, un veciño do lugar, home grande, de nome de pía Xacinto, pero para os veciños Xacintón, fose frecuente morador da mesma nas súas horas de pastoreo. Décadas atrás, o penedo no que aparece a Casa do Xacintón estaba a monte aberto; hoxe abrígase dun denso piñeiral, alfombrado de arume e que convida a outonos cargados de cogomelos.
Recuamos e volvemos ó primeiro camiño principal. Descendemos polo cortalumes ata chegar á súa fin. Temos o mar de fronte, antes vedado para nós polo bosque que nos rodeaba. Collemos á esquerda polo camiño de pescadores e percebeiros, costa abaixo, en relanzo. Toxos e silvas préndennos nas roupas para impedir a nosa andaina. Atravesamos o bosque de ribeira, chan de arume ata que albiscamos unhas agullas de pedra, comestas do nordés. A súa silueta para nada nos ofrece o que podemos encontrar no seu interior.
É unha cova que se encontra na punta da Fungosa, un pequeno cabo acantilado onde o mar bate con carraxe. Precisamente, o fungar das augas, mesmo en días calmos, dálle nome ó lugar. A Corte das Cabras amosa a súa entrada ó bío, ó precipicio. Na cerna do rochedo, no seu corazón ábrese unha cova de uns oito metros de profundidade. Nela o fungar do mar vólvese silencio perpetuo. No chan, pegadas de aves que tamén buscan aquí o seu refuxio. Outras aves buscan na intimidade da cova fendas para a súa niñada que agarda, ano tras ano, a posta de ovos que prolonga a liñaxe. No chan tamén unha pequena lareira de pedras de pescadores que fan aquí o seu xantar despois dunha xornada de pesca.
Saímos á boca da cova, abocamos o perigoso cantil. Alá embaixo, na inmensidade duns 50 metros, emerxe unha negra pedra cercada (bañada por augas de mar), no seu curuto descansan seis cormoráns. Dous deles con penacho no curuto das súas cabezas: son cormoráns moñudos. Onde eles pousan, a pedra é permanentemente branca, sinal da súa longa presenza, mostra das súas cagadas.
Desde a boca da cova observamos o litoral bergantiñán desde unha perspectiva inédita, allea a miradas comúns. Aquí un sente o privilexio de gozar da terra non tocada pola man do home. Aquí un desexa tamén que este privilexio se perpetúe no tempo. Contra a dereita, Petón Rubio, un monte barresco que morre en cantil. Neste, dous pescadores de cana pasan a mañá do domingo. Un pregúntase cómo chegarían á súa postiña. Máis ó lonxe, a punta da Atalaia que nos anuncia, escondida, a vila mariñeira de Malpica. Avanzando no océano, as Sisargas na súa partida constante.
Monte arriba, regresamos ó cortalumes para descender por outro camiño de pescadores á Rega.
A Rega son as dúas únicas praias da parroquia de Cerqueda. Con marea alta as súas areas cóbrense de auga. A baixada da marea, agasállanos con dous pequenos areais: A Rega Grande e A Rega Chica. Entre eles, o illote da Rega, nome co que aparece nos mapas sérvelle de parapeto en días de temporal. Pola contra, os veciños da parroquia coñecen este illote co nome da Pedra Grande.
Se miramos cara á terra vemos o Rego da Rega brindar as súas augas ó Atlántico. ¿Quen dixo que o Xallas era o único río de Europa que morría en fervenza? Con galanura, este regato cerquedán morre nas escumas da ribeira, bica sen temor os salseiros caendo nunha fervenza duns dez metros. A fervenza mariña máis grande das terras de Malpica de Bergantiños. ¡Grazas, Deus, por ofrecernos tanta beleza!
Non obstante, aínda non vimos as xoias desta nosa escarpada viaxe: as furnas da Rega, catedrais nas entrañas da terra, húmidas bóvedas oxivais tinguidas de negrume creadas na eternidade dos tempos.
A furna pequena está a rentes da desembocadura do río. O seu chan todo el é de area. Contamos uns 40 pasos ata o seu remate. A furna grande encóntrase na outra banda da praia. Se a marea non está baixa de todo, para chegar a ela debemos atravesar unha pequena ribeira de bolos e pedras en aguillóns. Sen embargo, a dificultade do acceso compénsase coa maxestosidade desta cavidade mariña. Unha alta entrada, defendida por pozas de auga e grandes bolos, unha prolongación de 47 pasos en corredor curvo, a auga en goteiras que verte do seu ceo negro e a escuridade total nos seus últimos dez metros. Unha verdadeira catedral mariña nas profundidades do cantil coma aquelas que soñaba Urbano Lugrís. ¡Grazas, Deus, por ofrecernos tanta fermosura!
Estimado Suso de Basilio. No teu querido Corme entregóuseche o máximo galardón do VII Premio de Estudos Bergantiñáns que convoca o Instituto de Estudos Bergantiñáns. Recibe os meus parabéns por acadares esa distinción.
Considero que é un recoñecemento merecido a unha persoa que coma ti viviches e aínda vives a música desde dentro. Ningunha outra persoa mellor para falar de todo un século de traxectoria musical dunha parroquia que deberá ser recordada para sempre con letras de ouro dentro da cultura bergantiñá.
O teu traballo era un traballo necesario e que vén abrir novos campos de investigación non só na cultura da terra de Pondal, senón tamén na galega. Son moi poucos os libros que se publican sobre a investigación musical en Galicia. Considérate, polo tanto, un dos pioneiros neste eido.
Por todo o que levo apuntado e por moitas máis cousas que se desprenden dunha sinxela lectura do teu libro aínda inédito, os membros do Instituto de Estudos Bergantiñáns tiveron un bo acerto en elixilo como traballo premiado. É, na miña opinón, seguramente o traballo máis inédito e máis de campo de todos os que se tiñan presentado ata agora.
Como puideches comprobar, non é preciso ter grandes estudos universitarios para rescatar o noso pasado meritorio. Posiblemente calquera licenciado nunca chegaría á profundidade e á sinceridade que encerra o teu libro escrito desde o corazón e desde as raiceiras da música de noso.
Parabéns amigo e benvido ó camiño dos vagalumes. Se Pondal vivise sentiríase aínda máis orgulloso aínda do vello pinal de Froxán.
Na igrexa de Cerqueda xa non tocan as campás. Faleceu Cesáreo, o campaneiro da aldea de Leduzo. O campanario de San Cristovo permanece mudo, coma calada efixie.
De igual maneira ca Benigno, o acordeonista de Malpica, ou a Señora Pepa, a dona do Jay Jay de Neaño, Cesáreo, o campaneiro de Cerqueda, forma parte desa galería íntima de persoas singulares que tiñamos que lembrar con letras de ouro nas entrañas do noso corazón. Eles son a chave dos segredos da nosa alma.
Se eu fose presidente de Xunta promovería unha lei na que prohibise a ministros, conselleiros, directores xerais, alcaldes e mindunguis locais a estampar o seu nome en calquera obra por catro ladrillos mal postos: “Este paseo fluvial se construyó siendo ministro Pepito Pérez”, “esta fonte foi feita sendo alcalde Fulano de Tal”. Se polo menos estiveran en galego, na lingua de noso.
Pola contra, aprobaría unha lei, de cumprimento incondicional, que obrigase aos habitantes do país a contarlles aos seus fillos, ao carón da lareira, aquelas anécdotas e virtudes dos persoeiros singulares das aldeas para que así chegasen a formar parte da nosa memoria colectiva. E aos escritores, de medio pelo ou melena enteira, a que os transformasen en personaxes dos seus libros, á súa vez textos de lectura recomendable nas escolas e un pouquiño todas as noites antes de se deixar levar polos brazos de Morfeo.
No vindeiro outubro, durante a procesión das festas do Rosario o repique das campás de Cerqueda soará un tanto lánguido, cun aquel de nostalxia polas mans que as agarimaban, que abranguían os seus badalos e lanzaban un tin tin tolón campaneiro ao longo das agras da parroquia e que convidaban a todos os fregueses a un día de festa, de roupa nova e familiares na mesa.
Pero Cesáreo, o campaneiro de Cerqueda, non cesará no seu oficio. Deus chamarao diante súa e, con voz grave, diralle: “Ti formarás parte imprescindible do coro celestial. Acompañarás as ladaíñas de anxos e querubíns co teu benfacer de sineiro. Cando se achegue o día do Apóstolo, tocarás as vésperas para que os galegos vaian en peregrinación a Compostela. E no da romaría de Santo Hadrián de Malpica, botaraslle un repique ledo de campás para librar este país dun antigo andazo de serpes”.
Calade xa, escoitade. Séntese na bóveda do ceo un corifeo de voces e un tanxer de campás celestiais que provoca envexa. Parece que o noso veciño Cesáreo lle amosa a Deus toda a súa nobre sabedoría. E agora semella oírse un arrastrar de mesas, un remexer de pratos e un non sei qué de potas a ferver. Ben se ve que hoxe hai festa rachada de nubes para arriba.
Temos enriba da mesa toda a produción bibliográfica do carballés adoptivo Fernando Cabeza Quiles. Dous volumes de investigación toponímica que son unha referencia incuestionable neste campo dentro da cultura galega: Os nomes de lugar, o primeiro libro publicado por Cabeza, e Os nomes da terra. Un de ensaio histórico, Galegos en Las Alpujarras granadinas, a primeira achega que se fai dese eido da historia desde Galicia. E tres de narrativa: O segredo dos zapatos e outros contos, conxunto de relatos dirixidos a lectores novos; Chamáchesme moreniña, colleita de artigos de corte satírico; e Domingo de Resurrección, última obra do autor que apenas conta con medio ano de vida. Amais de todo isto, centos e centos de artigos seus corren espallados por páxinas de prensa e por revistas especializadas, xunto con varias colaboracións en distintas antoloxías.
Hoxe ocúpanos Domingo de Resurrección, compilación dunha ducia de relatos escritos por Fernando no espazo de tempo de cinco anos. Domingo de Resurrección é un libro que nos trae á memoria o traballo narrativo do escritor baiés Enrique Labarta Pose, fundamentalmente porque nos contos de ambos hai un elemento recorrente como é a esmagadora presenza do humorismo e da ironía. O fío que entretece cada un dos textos é unha visión irónica, por veces amarga, na que se presentan as situacións creadas. En todas as páxinas de Domingo de Resurrección abrolla un humorismo ata o extremo, feito de modo tan maxistral que converte a Cabeza Quiles no máximo expoñente da literatura humorística galega contemporánea.
Abundando nisto, son múltiples as escenas presentadas desde unha ollada crítica da sociedade actual, de tal modo que non queda ningún estamento que escapase ao seu punto de mira. Isto converte a Domingo de Resurrección nun libro arriscado, incómodo, mesmo impresentable para algún lector afeito a augas tranquilas en vez de a este cachón de puñadas literarias a unha sociedade que anda con pasos descamiñados. Salvando as distancias temporais, agardemos que Domingo de Resurrección non chegue a atragoarse tanto como fixeran no seu tempo os Aires da miña terra de Manuel Curros Enríquez.
A morte, o amor, a perda da inocencia, o feminismo, a vinganza, as estafas, a crise da transformación da Galicia rural, o engano, a emigración americana e europea e as penalidades económicas da sociedade galega son os eixes temáticos principais do libro. Arredor deles, de esguello, xorde un amplo abano de temas secundarios que converten este pequeno libriño nun volume que precisa de segundas ou terceiras lecturas. Informamos que, se ben nunha primeira ollada nos podemos quedar tan só co resol do humorismo, á medida que abusemos da relectura, observaremos que, amais de incómodo, o libro de Fernando acada unha profundidade de ideas bastante ausente na literatura actual, feita tan só para divertir, pero non para molestar.
Para concluírmos, se xa con toda a súa obra, Fernando Cabeza Quiles tiña demostrado dabondo as súas calidades como escritor, agora confírmanolas ao botar man dun xénero literario tan difícil como é o relato curto. Nel todo deberá estar medido, cada peza, cada escena terá un peso específico no desenvolvemento do texto. E onde Fernando amosa mellor as súas calidades de narrador é no tratamento da intriga, dado que como lectores somos arrandéados ao longo do relato e levados a situacións sorprendentes que para nada pensabamos ocorrerían conforme iamos avanzando na lectura. Velaí un dos grandes méritos deste Domingo de Resurrección.
Podemos afirmar sen ningún reparo que o escritor de Ponferrada, aínda que afincado e ben casado nas terras de Carballo, Fernando Cabeza Quiles é o gran toponimista do Antigo Reino de Galicia. Desque hai décadas comezara a publicar comentarios toponímicos no suplemento «Galicia» de La Voz de Galicia ata os seus últimos libros sobre os nomes da terra, que se esgotan aos poucos meses de chegar ás librerías, a Fernando Cabeza non hai quen lle tusa neste eido da investigación lingüística.
Coma de se algo litúrxico se tratase, a toponimia resúltalle unha devoción. Se mantemos unha parola con el, será raro que non caia de cando en cando a explicación de algún nome de lugar. Se o vemos na súa bicicleta, emulando as amizades que aínda mantén con Perico Delgado, botando a andar camiño, a súa ollada vai fotografando cada indicador e cada letreiro que aparece nas beiras estradas.
De todos modos, o que aínda é máis grave foi o acontecido desde hai uns anos. Partindo dun breve comentario do escritor ourensán Vicente Risco, Fernando Cabeza quixo seguir o camiño que uns emigrantes galegos levaran cara as terras granadinas de Las Alpujarras e convenceu a súa familia, muller e fillos, para que puidesen gozar dos descansos estivais en terras andaluzas. Despois, mentres o elenco familiar pasaba o tempo baixo o sol de Sierra Nevada, dedicouse a consultar arquivos, establecer contactos e anotar topónimos ou antropónimos.
E como froito das estadías en Las Alpujarras, Cabeza publicou o libro Galegos en Las Alpujarras granadinas (Toxosoutos Edicións), volume que, na actualidade, se converte na única monografía que describe a emigración galega ás terras granadinas. Precisamente, de entre outros, este é o enorme mérito do seu libro: desde Carballo de Bergantiños e valéndose, sobre todo, da toponimia, puxo unha pica en Flandes ao transitar un camiño da investigación cultural nunca antes transitado por ninguén. E esa é unha afouteza só reservada a valentes e arriscados coma o almirante cormeán Mourelle de la Rúa que no seu tempo se puxo a descubrir illas no Pacífico.
Estes días na IX Feira do Libro de Carballo, e nunca mellor dito dado que se inaugura un xoves de feira e se celebra no recinto feiral da capital de Bergantiños, e gracias á lectura de Galegos en Las Alpujarras granadinas de Cabeza Quiles, podemos viaxar a través do tempo, dacabalo dos nomes de lugar galegos que foron levados ás terras da emigración noutrora e que aínda perviven na memoria de hoxe dos habitantes granadinos.
Fernando Cabeza é ese mago que coa súa vara máxica ilumina cada nome da terra salvando barreiras de séculos e volvendo inútil o hermetismo do significado. Cabeza Quiles tamén é un dos bos e xenerosos.
A cada tanto van arrancando a última folla do seu calendario de vida os nosos amigos labartianos. Persoas que en Baio ou na Costa da Morte mantiveron vivo o lume literario e cultural do máis grande escritor humorístico nacido en Galicia: Enrique Labarta Pose.
Queda xa moi lonxe o pasamento do crego folclorista de Santo Estevo de Cesullas, Saturnino Cuíñas Lois, quen, nas súas sesións de catecismo, daba a coñecer moitos dos poemas de Labarta. O texto que máis fortuna tivo entre os seus cativos fregueses foi “N’hai millor vida que a do labrego”, poema que aínda podemos escoitar hoxe de memoria a Sara do Sabelo en Neaño ou a seu irmán José, que vive na Campara, case igual coma cando llo escoitaban en boca do creador do Berro Seco. Como tamén son recuadas no tempo as palabras que no discurso de ingreso na Real Academia Galega lle dedicou o poeta da terra de Nemancos, Gonzalo López Abente, a Labarta.
Se Enrique Labarta morreu traxicamente nun descarrilamento de tranvías en Barcelona, outro labartiano máis, e veciño seu, Francisco Romero Lema, perdería a vida, volvendo da misa á casa, nun accidente de tráfico, a poucos metros do colexio Labarta Pose. Paquito Romero foi o grande especialista, coñecedor e defensor da vida e obra labartiana. Publicou artigos defendendo e reivindicando o nome e figura literaria do seu conveciño, a súa familia garda aínda sen publicar outros artigos que seguen abondando na defensa de Labarta a ultranza, estivo sempre detrás de todo tipo de homenaxe tributada ó autor de Millo miúdo na súa localidade natal e, en varios momentos da súa vida, tentou publicar a obra do humorista.
De igual maneira cós versos de Rosalía e Curros Enríquez andan en boca das persoas do pobo, un dos máis xenuínos recitadores dos versos de Labarta era o señor Fuentes, de quen me ten falado en moitas ocasións Xosé María Lema Suárez. Unha das queixas que me fai saber Lema Suárez a miúdo é que fora mágoa que non se tivesen gravado recitacións do señor Fuentes porque lle aportaba ós textos de Labarta un entrañable sentimento.
Aínda non hai moito tempo que aconteceu o pasamento do avogado baiés Braulio Astray, un dos últimos gardiáns dos tesouros labartianos na vila de Baio. Con el temos compartido horas de conversa, mantido contacto telefónico e intercambiado correspondencia que nos serviu de modo imprescindible para colleitar o pequeno arquivo labartiano que gardamos na nosa casa. Braulio Astray, sen agardar nada a cambio, cada pequeno detalle que ía localizando sobre Labarta facíanolo saber na volta do correo ou chamándonos para vernos no bar Galaxia ou no seu propio despacho. De todos modos, a máis grande contribución que achegou o señor Astray ás nosas mans foi a árbore xenealóxica da familia Labarta Pose, evitándonos así termos que perder horas e horas de arquivos eclesiásticos para dar coa documentación dos devanceiros do escritor.
O último amigo labartiano que nos acaba de deixar foi José Rojo Valiña, Pepe de Valiña. El, que era solteiro, amaba a Labarta coma se fose o se propio fillo. Animador sociocultural cando aínda non existía ese apelativo para os axitadores culturais nin concelleiros de cultura con dedicacións exclusiva. O seu importante traballo foi un compromiso impagable, primeiro para coa vila de Baio, e segundo para a perpetuación do nome de Labarta Pose no tempo. El abríalle as páxinas dos folletos das festas populares baiesas ós artigos de Paquito Romero para que Labarta seguise na memoria dos seus veciños. Pero aínda hai máis. Tempo atrás, fundaría a Asociación Cultural Labarta Pose desde a que dinamizaría a vida social baiesa e desde a que escenificaría textos teatrais. Ou estivo presente nos tempos do nacemento do colexio Labarta Pose. Nestes últimos meses, coma unha premonición, Pepe de Valiña funda unha coral baixo o nome labartiano de Xan Mella. Nunha entrevista de prensa publicada hai escasas semanas por La Voz de Galicia, José Rojo Valiña declaraba que con este nome querían seguir perpetuando o legado cultural construído por Labarta.
Amigo, labartiano, Pepe de Valiña, por fortuna ti non faleches en terras da emigración como lle aconteceu ó autor de “¡¡¡Probe gaiteiro de Baio!!!” ou ó propio Xan Mella, o gaiteiro do poema. Os teus restos descansarán no teu cemiterio natal, á beira da igrexa que te bautizou, aínda que a túa alma andará de esmorga cultural polo ceo a canda o tío Miseria que conta ferrados de terras a eito ou a canda o propio Labarta que estes días púxose a escribir de novo un poema ás festas da “nosa señoriña de setembre”.
Soubemos por vez primeira deste galego (de pura cepa) adoptivo mediante unhas breves e atraentes explicacións toponímicas que cada sábado vían a luz no suplemento Galicia do xornal coruñés La Voz de Galicia. Ó principio para nada pensabamos que este gran señor dos nomes de lugar tivese residencia na vila bergantiñá das augas quentes, levantase morada en Carballo. Pero así era. E a casualidade levaríanos, desde aquela ata hoxe, a compartir certos camiños, unhas cantas ansias e varios amigos en común. Por todo isto, cústame poñerlle palabras limiares a este Domingo de resurrección de Fernando Cabeza Quiles.
Debemos recoñecer dunha vez por todas xa que Fernando Cabeza é un dos piares fundamentais no presente proceso de restauración cultural de Galicia. ¿Que sería da toponimia contemporánea sen os seus dous libros (de referencia) Os nomes de lugar (Xerais) e Os nomes da terra (Toxosoutos Edicións)? Estes marcan un antes e un despois no estudo e divulgación dos nomes de cada unha das nosas aldeas, vilas e cidades. Eles son facho bibliográfico nesta volta do milenio, no devir deste estreado século XXI para quen queira proseguir co arduo traballo de pescuda e interpretación dos apelativos de moitas aldeas que pouco a pouco, e debido á despoboación do rural galego, xa non queda ninguén que as chame polo seu nome. Quizais non haxa ninguén que queira tomar o relevo e teña que ser o propio Fernando que de novo se poña ó camiño, coma a serpe que cambia de pel cada ano para comezar unha nova vida.
Pero Fernando non só luciu o seu maxisterio toponímico nos dous libros anteriores, senón que percorreu todo o territorio galego para acudir a centros de ensino, participar en seminarios e xornadas ou colaborar en monografías e revistas onde ofrecía adiantos das súas continuas e constantes pescudas.
Amais da toponimia (e do ciclismo) Fernando Cabeza posúe outra vocación: a de narrador. Con toda probabilidade, esta xa se pode percibir na descrición de cada nome de lugar, porque el sempre foxe da taxonomía filolóxica e ábrelle as portas á claridade explicativa. Ler unha disertación toponímica súa é escoitar un conto á calor da lareira, é penetrar nun territorio inabarcable ateigado de lendas.
O primeiro volume narrativo de Cabeza Quiles levaba por título O segredo dos zapatos e outros contos (Noroeste Infantil). Eran un conxunto de relatos breves pensados para nenos pero que xa anunciaban os vimbios narrativos do noso autor: claridade na selección lingüística, ausencia de complicación estrutural, pegadas das estratexias toponímicas e frecuentes localizacións no espazo xeográfico da Costa da Morte.
Poucos anos despois vía a luz Chamáchesme moreniña (Toxosoutos Edicións), libro con textos fragmentarios que andaban a medio camiño entre o relato breve e o aforismo. Presentábase aquí outra das características do autor: o espello do humorismo para fuxir dunha sociedade de actitudes patéticas e vomitivas.
E agora, de novo outro libro de Fernando Cabeza Quiles e nós temos a sorte de sermos lectores privilexiados ó degustar todas e cada unha das páxinas deste Domingo de resurrección antes de seren levadas á caixa da imprenta. Desculpen os lectores a profanación da virxindade destes textos.
Xunto coas características que vimos de sinalar arriba, nesta ducia de relatos o pasamento e a resurrección, a vida e a morte son os dous polos temáticos que os identifican. E como ponte unha cita ciceroniana, a memoria que os vivos deben ter dos seus antepasados como parte do que foi e agora xa non é. ¿Que será de nós senón asentamos o noso futuro en sólidos alicerces?
Pero este libro é moito máis do que acabamos de dicir. Domingo de resurrección abre un novo e arriscado camiño dentro da narrativa galega que chamaremos «realismo ou costumismo crítico». Un narrador omnisciente dispón á súa maneira e antollo toda unha galería de personaxes ridículos en situacións patéticas. Pero isto non é un simple recurso literario, senón que Fernando ofréceo como unha fiel estampa, un espello da sociedade que por desgraza nos tocou vivir. Este «costumismo crítico» xa estaba presente en narradores do rexurdimento galego como Enrique Labarta Pose, en contos como “Unha mala visita” no que ridiculiza a un médico rural lacazán ata o extremo, pero non se chegaría a desenvolver ata o presente libro de Fernando.
De igual maneira que Pondal elevou Bergantiños a categoría de territorio poético (o bardo escribe desde e para Bergantiños), Cabeza fai desde a súa Costa da Morte adoptiva o seu fundamental espazo narrativo. Estas terras máis occidentais de Europa, esta fisterra está presente en algo que Cabeza coñece ben: a toponimia. Así, non é difícil encontrarnos nas terras de Carballo, ou ver como o galego-uruguaio Carlos Carballeira Penouqueira consulta unha edición local de La Voz de Galicia, como tamén a procesión de Santa María do Outeiro podía ser a de calquera grande romaría da Costa da Morte: o Santo Hadrián de Malpica, o San Fins do Castro ou a Romaría da Barca.
Non obstante, Domingo de resurrección non é un libro onde os espazos cobren excesivo importancia, aparecen como recursos mínimos para localizar a acción. Polo contrario, en cada relato sobresaen, cobran enorme peso as figuras dos personaxes. Ás veces tócalles vivir unha situación próxima á ridiculez. Outras o seu modo de ser é patético. E noutras son consecuencia dunha sociedade con rumbo desvariado.
Longa foi e é a vida toponomista do carballés e bergantiñán adoptivo Fernando Cabeza Quiles. Longo e glorioso tamén se presenta o seu camiño como narrador. Todo sexa por mudar, desde a literatura, esta sociedade que anda con pasos descamiñados.
Como mergulladores na nosa tradición escrita, sexa esta histórica ou literaria, sempre nos agradou, e agrada, encontrar referencias ao noso lar nativo. Sarmiento é un deses escritores imprescindibles para nos sentir emocionados á hora de ver en letra de imprenta calquera lugar de noso.
¿A quen, acaso, non se pon a pel de galiña ao ler descricións coma estas en Viaje a Galicia (1745)? Primeira, “Malpica. É unha península, como pena na que está a vila, e ten ao oriente un pequeno areal que é o porto, e outro máis grande que mira ao norte, que ten por punta oriental ao propio lugar de Malpica. E o occidental é a illa de Sisarga, que emparella co continente, pero de xeito que entre el e ela podan pasar navíos de liña, pero non pasan”. Segunda, “Carballido. Couto de Almerezo, é dos bernardos, Ponte Ceso, outra legua. É ría, río, e como porto pois alí chegan pataches da ría de Laxe, Corme e Cándoas. A ponte é estreita, e sen varandas, e cunha calzada. A ría sube media legua até o lugar Oeste (quizás aestus maris ou o ‘esteiro’) e o río é o Cetrúas de Soandres, e unhas e outros chaman Allóns”.
Sarmiento é unha referencia indispensable. E este ano moito máis: a Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas, moitas asociacións galegas e bergantiñás organizan actividades arredor da súa figura e todas as editoriais do país poñen o seu pequeno gran de area na recuperación desta figura senlleira e case que ignorada da cultura galega.
Días atrás, no Casino de Carballo e organizado polo Instituto de Estudios Bergantiñáns, tivemos a fortuna (emotiva) de compartirmos mesa coa investigadora larachesa Mercedes Queixas Zas, na que presentaba o volume Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega publicado baixo o selo de Laiovento Edicións.
Dixemos emotiva porque o nome de Mercedes Queixas lévanos a aqueles anos compartidos nas aulas universitarias. E dixemos emotiva porque de toda aquela promoción, Queixas Zas é unha das filólogas que máis traballos leva publicados ata agora. Polo tanto, ¿a quen non lle agrada compartir tamaño ramo de flores?
Se botamos unha ollada ao seu traballo investigador descubrimos tres facetas no seu labor. Unha primeira, formada por traduccións para o galego. Unha segunda, pola edición de textos da historia literaria galega, caso da obra de teatro La Galiciana de Xan da Coba. E unha terceira, polas colaboracións e investigacións divulgativas de tódalas épocas da literatura galega, ás veces a través dunha panorámica global, como é a Historia Xeral da Literatura Galega, ás veces deténdose nalgunha época determinada, como pode ser o seu volume Os trobadores do Reino de Galicia que superou os 20.000 exemplares vendidos.
Salientarmos entón que, nesta última faceta, Mercedes Queixas é a investigadora bergantiñá que máis ten contribuído ó estudio da literatura galega, aspecto que cómpre, por unha banda, recordar, e por outra banda, agradecerlle como bergantiñán todo ese esforzo que ela dedica a prol da literatura de noso desde bergantiños. Non deixa de seguir os vieiros literarios abertos por Eduardo Pondal, Xesús San Luís Romero, Xurxo Borrazás, Xurxo Chapela ou Rosa María Vidal Vázquez, entre outros.
E nestas datas, o libro Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega non pode estar de máis actualidade. Primeiro, porque a penas hai unhas semanas que saíu do forno; está quente coma pan de Carballo, coma pan da Brea. Segundo, porque Frei Martín Sarmiento está este ano de Festa, está de Letras. Terceiro, porque a súa autora, coma o estudiado, tamén é unha filóloga. E cuarto porque as ideas, as ansias e as inquedanzas de Sarmiento, afortunadamente, están presentes en moitos e moitas da nosa sociedade (non obstante, a desidia, a vergoña polo propio, o desinterese polo noso aínda cabalgan sen descaro contra a cultura galega)
Non é o meu obxectivo esmiuzar aquí o volume de Mercedes Queixas, emprazo a lectores e lectoras a disfrutar das amenas páxinas do mesmo. Sen embargo o que non me perdoaría era precisamente poñer de relevo canto de actualidade está o ideario sarmentiano: a dignificación da lingua, o antimilitarismo, a defensa dos valores da identidade de Galicia, etc, etc., etc. ¿E que pensar disto? Por fortuna, atrás no tempo quedan os Séculos Escuros que lle tocou vivir ó frade benedictino. Por desgracia, “a recuperación da conciencia galega” clamada por Frei Martiño está lonxe de ser asumida polos outros moitos habitantes deste país.
Sexa entón o ano de Sarmiento un motivo para esa recuperación. Se non o for, deleitémonos co volume de Mercedes mentres soñamos, coma Pondal, que os tempos sexan chegados.
Días atrás, acudimos á presentación do libro Xanela ao bío de Francisco Quiroga (Paco de Tano). Isto non só foi significativo para nós senón tamén emotivo, xa que tódolos malpicáns acabamos de conseguir unha enorme débeda co autor, porque con este volume acaba de poñer a poesía nacida desde Malpica de Bergantiños nos estantes da Historia da Literatura Galega. Así que, amigo e veciño Paco, convertícheste no poeta fundacional da poesía malpicá e isto será para todos nós impagable.
Ti, que naciches en terras ourensás. Ti que non naciches ‘pesco’ (fillo do mar, malpicán de pura cepa), tes tanto de malpicán ou máis coma calquera malpicán. Podías pregoar este pedigree tabernas adiante, xa que es adegueiro, e ser mentira, pero acabácheste de delatar con Xanela ao bío.
Con este libro de poemas, conseguiches dous triunfos importantes. Primeiro, enraizar a túa poesía na mellor tradición poética mariñeira; xa sabes, iso de Manuel Antonio. Segundo, desde unha linguaxe próxima a lectores e lectoras, soubeches elevar ‘localismos’ lingüísticos malpicáns á calidade de lingua literaria; e isto xa desde o propio título: Xanela ao bío (a palabra ‘bío’, cantil, precipicio de ribeira, ‘esparañal’, da túa man, aparece por vez segunda na literatura galega; quen a empregara antes fora Xelucho Abella).
Se dicir Xanela ao bío é dicir unha porta aberta á lingua literaria desde Malpica de Bergantiños, tamén é dicir un libro que enfeitiza con imaxes dese mundo mariñeiro entretecido con redes, amor e morte. Dicir Paco de Tano, polo tanto, é dicir un poeta que, a través das conversas tralo mostrador cos mariñeiros que traían nos calcañares o temporal da cada noite, soubo pescar un ‘tope’ de poemas e forxarse un mundo creativo ricaz e interesante, sorprendente e emotivo.
Pero Xanela ao bío non é tan só un libro de poemas: é unha suma de artes para a emoción dos lectores: a poética de Paco de Tano, a pictórica de Xusto Moreda e Paco Souto, o deseño gráfico de Abraham Vila e a fotográfica de Peter Schneider. Por iso, se a viaxe poética ofrecida por Paco de Tano se fai imprescindible, a conxunción coas outras tres artes converten o libro nun dos máis interesantes dentro do panorama editorial galego dos últimos anos.
Na Costa da Morte, desde Malpica de Bergantiños, Xanela ao bío, unha viaxe polos sentidos da arte. Un libro para ler e ver na soleira deste milenio.
Falo con Moncho de Brañas e comunícame que este ano o Instituto de Estudios Bergantiñáns (IEB) parece que non convocará o Premio Bergantiños desde os Libros. Este galardón naceu hai anos como unha actividade inédita na comarca de Bergantiños coa que se quería recoñecer simbolicamente o mellor libro publicado por un bergantiñán ou que falase de Bergantiños e que vira a luz no ano que pasara.
Na primeira edición, o premio dividiuse en tres categorías e resultaron os seguintes gañadores. Premio Libro do Ano para Crónicas de Carballo, de Xan Fraga; Libro do Século para Os nomes de lugar, de Fernando Cabeza; e Libro do Milenio para Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal. Nesa primeira entrega, ademais da elección de gañadores por votación popular, realizouse unha campaña de divulgación do libro bergantiñán polos concellos de Malpica, A Laracha, Ponteceso, Laxe e Carballo.
Nas seguintes anualidades, premiouse a Camiños polo concello de Malpica de Bergantiños de quen isto escribe e Descubre a Comarca de Bergantiños, de Xan Fernández Carrera. Na última edición, galardoáronse dúas filólogas bergantiñás por senllos traballos sobre Martiño Sarmiento: Mercedes Queixas Zas e Sonia Varela Pombo.
Este ano, repito, o IEB parece que tomou a decisión de deixar sen recoñecer o mellor libro publicado en Bergantiños no ano 2003. Unha das razóns: varios dos autores que concorren con libros ao premio resultaron gañadores con anterioridade. E eu pregúntome: ¿se o obxectivo de Bergantiños desde os Libros é “elixir o mellor libro do 2003”, qué importa que un autor xa fora recoñecido con anterioridade? ¿Que culpa ten el de publicar libro nesta ocasión? ¿Por esta razón, Pepe Carballude non podería gañar dúas veces o Barco de Vapor? E, ademais, ¿que culpa teñen outros autores que nunca foron premiados para non poder optar a este agasallo? ¿Merecen estes tamaño desprezo?
Poño un par de exemplos. Un dos libros que entra na elección é Anamarciana viaxa por Europa de Alberto Varela Ferreiro, un autor de aquí que desde aquí nos transporta cara Europa cos seus debuxos. Outro: Casa vouga de Miguel Anxo Calvo e Xosé Manuel Varela, un libro de poemas e debuxos da terra, desta terra, tan de aquí coma calquera manual de historia da comarca. Xosé M. Varela xa estivera premiado nunha ocasión, pero ¿é isto impedimento para que a Ferreiro e a Calvo se lle negue o recoñecemento simbólico (só simbólico, por certo) que ten o premio?
Pensamos que a decisión adoptada polo IEB é totalmente desacertada. Cumpría que os seus compoñentes volvesen sentar e retomasen a convocatoria do Premio Bergantiños desde os Libros porque cada libro ten o seu valor: un só verso pode ter máis peso en ouro ca moitas páxinas de prosa descritiva e un debuxo de Ferreiro pode valer máis ca mil palabras. De non mudaren na súa actitide, ao libro bergantiñán só lle quedará como único refuxio e válido escaparate a Feira do Libro de Carballo. ¡Vade retro, Satanás!
No congreso sobre celtismo que co-organizaron a Asociación Neria e o Concello de Cabana de Bergantiños a idea fundamental que se extraeu foi a seguinte: os únicos celtas que houbo en Galicia foron os que fumaba, en Mens, Manuel de Cereán na súa banqueira de zapateiro; celtarras son os seareiros do Celta de Vigo.
Perante afirmacións tan rotundas lanzadas desde ese congreso, a nós sempre nos gusta volver a vellas lecturas. Unha destas é o libro Deuses, heroes e lugares sagrados (Sotelo Blanco Edicións, 2000) co que a doutora en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago, Rosa Brañas, acadou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais que promoven o Concello de Allariz, a Fundación Vicente Risco e a Fundación Sotelo Blanco.
Palabras da contracapa do libro: “Rosa Brañas, analizando tódalas fontes, examinando feitos comparativos en diferentes zonas do mundo céltico e tendo moi presentes as achegas da antropoloxía moderna, argumenta en contra de quen nega a existencia de elementos célticos na Galicia castrexa e, polo contrario, propugna a necesidade dunha hipótese invasionista para explica-la innegable presencia deses elementos”.
No prólogo, Marco V. García Quintela, tamén da Universidade de Santiago, xustifica a tese elixida pola autora: “a xénese do modelo indoeuropeo na súa vertente céltica”.
Nas conclusións, a autora dinos: “o que parece comprobado é que os castrexos utilizaban os mesmos recursos que outras sociedades célticas para expresar a prominencia dalgúns dos seus asentamentos, pois moitos dos topónimos que se estudiaron se relacionan co tipo de valores que operaban na Irlanda antiga e na Galia”.
Ao mellor cos celtas en Galicia pasa coma coas meigas, ninguén os viu pero habelos hóuboos. Así que nós seguimos gozando da relectura do libro de Rosa, a través do cal puidemos, entre outras cousas, entender, definitivamente, a inscrición das aras de Cores ou afondar, con ledicia, no coñecemento da toponimia ou antroponimia castrexa. ¡Ave Rosa!
O 7 de abril de 1956, cumpríanse 25 anos, as Vodas de Prata, da presenza do crego-folclorista, Saturnino Cuíñas Lois, na freguesía de Santo Estevo de Cesullas (Cabana de Bergantiños). Por ese motivo, a corporación local daqueles anos, tomou o acordo plenario de nomealo Fillo Adoptivo deste concello. De botarmos ben as contas, o vindeiro 7 de abril de 2006, cúmprense 50 anos do nomeamento de Saturnino Cuíñas como Fillo Adoptivo de Cabana de Bergantiños.
Este crego naceu en San Miguel de Carballedo (Cotobade. Pontevedra) o 21 de decembro de 1897. Faleceu na súa parroquia de destino, Cesullas, outro 7 de abril, nesta ocasión de 1978. Tras cursar estudos eclesiásticos en Compostela, ordenouse na catedral de Tui, exerceu de capelán nas terras das Mariñas e en Carballo de Bergantiños, na capelanía da condesa da Torre Penela. O 10 de abril incorporouse á parroquia cabanesa de Santo Estevo de Cesullas na que botou como párroco case cincuenta anos.
Fóra do seu exemplar labor relixioso, Saturnino Cuíñas destacou dentro da cultura galega como un dos máis grandes folclorista. O seu nome figura á altura do mesmo fundador dos coros galegos, o farmacéutico pontevedrés, Perfecto Feijoo. Xa desde pequeno, grazas á súa prodixiosa memoria, ía retendo cantares e melodías populares que entregou ós arquivos musicais de coros como Cántigas da Terra e Aturuxo. Nese legado musical encóntranse as foliadas de Augasantas, Bora, Caroi, Vilaxoán, Trabazo e Corcoesto; as pandeiradas de Pontevedra, Trabazo, Carballedo, Cesullas, Ponteceso, Loureiro, Espiriña, Paraño, Cuqueiro, Fontenla, Xil de Cambados, Corcoesto, Bordel, Vilaseco e Carnota; complétano, ademais, cantos de aninovo, de berce e de canteiros. Por todo ese labor, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, na sesión ordinaria do 26 de abril de 1859, concedeulle a Medalla de Ouro de Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid. Aínda hoxe podemos escoitar eses temas compilados por el en discos de Cántigas da Terra, Milladoiro ou Treixadura.
Pero, á parte do seu inxente traballo de compilador de melodías, Saturnino Cuíñas era un excelente músico. Tocaba á perfección todos os instrumentos tradicionais: gaita, bombo, tamboril e pandeireta. Era coñecido polo nome de “o cura gaiteiro”. Ese gusto por tocar a gaita custoulle unha tiradura de orellas por parte do arcebispo de Santiago, aínda que o asunto non pasaría a maiores.
Non obstante, o seu máis importante papel como músico foi o de converterse nun dos únicos intérpretes de zanfona de Galicia. Os dous grandes zanfonistas senlleiros do país eran dous pontevedreses: Faustino Santaelices e o propio Saturnino Cuíñas. No concello de Cabana de Bergantiños consérvase unha fotografía na que se observa a Cuíñas tocando a zanfona diante duns nenos cabaneses. Ademais, nos arquivos de Cántigas da Terra, pódese ver unha zanfona, propiedade del, que lle entregara ó seu presidente na romaría do San Fins do Castro.
Esta romaría converteríase desde os anos 30 do século pasado noutro dos grandes fillos de Saturnino Cuíñas. El dotouna de elementos de identidade como o Berro Seco, o Santo de Pólvora ou o Himno a San Fins que non só a transformaron na festa patronal por excelencia de Cabana de Bergantiños, senón tamén nunha das romaxes máis singulares de Galicia.
Por veces, é preciso botar unha ollada atrás e verse no espello dos nosos devanceiros para recoñecermos todo o que lle debemos nese inxente labor de transmisión cultural. E Saturnino Cuíñas Lois, como crego, como folclorista, como músico, como etnógrafo e como persoa é imprescindible espello no que mirarse día a día.
Todos o sabemos ben. É coma aquela troita que pica no amocelo pero que sempre se nos escapa. Coma o coello que está no punto de mira pero que se escapule no preciso momento de irmos apertar o gatillo. Por fin, a Asociación Neria cazou a lebre que tanto desexaba: fixo participar a Manolo Rivas nun dos seus actos. Por intentos anteriores non sería.
E veu Manolo á Feira do Libro de Cee para recordarnos o que máis dun levaba esquecido: superpoboación de parques eólicos, política tabernaria, nula promoción laboral e despilfarro na divulgación turística en botellas rodantes. Como se di por Malpica, Rivas non che vos anda con chiquitas, non ten pelos na lingua. A súa pluma é de mozo libertario, coma a de Pondal. As cousas ditas por boca de Manolo Rivas cobran outra dimensión. Son verdades coma puños.
Eu, que fun traductor do primeiro libro que leva por título Costa da Morte (publicado en 1929 polo sevillano José Mas) case tiña esquecido este topónimo ata que O’Rivas publicou, nun domingo de La Voz de Galicia, unha reportaxe sentimental das terras do oeste, engalanada con fotografías de Xurxo Lobato. Ao lelo, espertei coma se a miña filla me acabase de facer un pis no regazo.
Debo gabar á Asociación Neria e ao Concello de Cee porque, desde hai varios anos, logran traer á vila da Xunqueira unha feira do libro. Tempo atrás, Miro Villar lamentábase, neste mesmo periódico, do abandonados que estabamos por aquí no calendario de programación das feiras e agora contamos con dúas: Carballo e Cee.
Sen embargo, unha asociación coma Neria, que tenta promover a Costa da Morte, podía facer un pouco mellor as cousas no tocante a esta Feira. A árbore non lle deixa ver o bosque. Traemos a Rivas e, ala, todo arranchado. Por certo, fantástico o da lectura de Sempre en Galiza de Castelao. A máis de un non lle viñan mal uns cantos repasos desta biblia antes de se deitar.
A presente Feira do Libro de Cee foi unha magnífica ocasión desperdiciada para divulgar e debater sobre os libros nacidos desde e para a Costa da Morte. Que si, que xa sabemos que Lema Suárez presentou a súa magnífica guía Caminando entre dólmenes, traducida ao castelán (por certo, tarefa imprescindible e loable). Só faltaría, é un producto Neria. Sen embargo, desaparecido o Batallón Literario da Costa da Morte, esta Feira preséntase como o mellor foro para que a longa ringleira de escritores e escritoras destas lindes amosen e debatan sobre os seus libros de poemas, de narrativa, de ensaio ou mesmo suban ás táboas as últimas obras teatrais.
Propóñolles un útil exercicio de imaxinación. Recúen no tempo, cidade da Coruña, rúa Rego de Auga, a Cova Céltica con Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Florencio Vaamonde, Francisco Tettamancy, Evaristo Martelo, Manuel Lugrís, Eladio Rodríguez... ¡Que fermoso é o imperio dos soños!
José María Álvarez Canto, taberneiro, músico, compositor e director de bandas naceu en Corme Aldea o 28 de decembro de 1905. Cúmprese no día de hoxe o centenario do seu nacemento. Faleceu en Neaño (Cabana de Bergantiños) o 1 de maio de 1977.
En cada casa do lugar nativo de José María Álvarez Canto, Corme Aldea, había polo menos un músico de banda e na súa casa, non ía ser menos, seguíase esa estirpe musical. Pai e fillo estaban unidos por ese vínculo desde a infancia, xa que o neno José María percorría con tan só seis anos as procesións das festas da contorna tocando un tamboriño coa Banda de Corme. Un día, con tan poucos anos e canso de tripar camiños, caeu sentado nun curral. Seu pai díxolle: «Levántate que che arreo unha patada no cu»
A música, primeiro aprendida de oído e despois coñecendo a linguaxe do solfexo, acompañouno durante toda a súa vida, mesmo no servizo militar onde sería corneta de El-Rei. Foi músico e director da Banda de Corme; despois, en Coristanco, dirixiu outra banda e creou unha orquestra. Do seu paso como mestre musical pola terra da pataca, fan mención estes versos da poetisa Asunción Antelo Suárez, a Rexubeira de Bergantiños:
Sentía ensaiar os músicos
cando iba pra Carballo:
eran os Soanes da Miñata
e os Naias de Carantos.
Tempo despois, mercou unha taberna-casa de comidas en Neaño e instalouse definitivamente nas terras de Cabana de Bergantiños. Traba amizade cos persoeiros locais, maiormente con crego folclorista Saturnino Cuíñas Lois. Desa unión e das xuntanzas que mantiñan nunha habitación da taberna nace o Himno a San Fins do Castro, con letra de Cuíñas e música de José María.
Unha veciña súa, a poetisa María Baña Varela, levaría á literatura popular a presenza de José María cos seus músicos na romaría de Santa Margarida de Baneira (Corcoesto) con estes versos:
E estaba José María,
dirigindo na orquesta,
tocando no pasodoble,
que era a alegría da festa.
José María Álvarez foi un dos grandes referentes na Costa da Morte como músico e director de bandas. Dominaba todos os instrumentos de percusión e aire, compoñía a música para todos os compoñentes dunha banda e era un verdadeiro mestre do acordeón.
Aprendeu a tocar este instrumento en Corme, nun pequeno acordeón de botóns. Despois, chegarían ás súas mans varios acordeóns piano, unhas veces mercados en Ferrol cos cartos que lle prestara súa nai, outras como agasallo da súa dona. En Neaño, unha vez abandonada a dirección de bandas de música, impartiu clases de acordeón. Recibiron as súas leccións Jacinto de Borneiro e Manolo de Ovidio. Pero sobre todo, amenizaba con este instrumento tardes de baile no salón do Burreiro. Acompañábano Lelo de Pedra Cuca á batería e Anselmo Cousillas ó clarinete, que o facía falar.
Enrique Labarta Pose padecía dun gran mal creativo: a incontinencia poética. Calquera asunto era cribado sen reparos pola súa pluma. Un veteranísimo catedrático, o seu encerro de licenciatura, unha viaxe da tuna ás terras de Ferrol. Nos círculos culturais por onde Labarta exercía de vate, o seu estro poético avivábase tan só cunha exigua provocación. Na Compostela de Alfredo Brañas: “El señor Brañas ayer / me dijo de esta manera: / «Haga usted un verso cualquiera / para mañana leer»”. En Pontevedra, Labarta compón un soneto, ó mesmo ritmo que brota a tinta da súa pluma, a partir dos catorce consonantes que lle escriben uns compañeiros.
Os premios literarios e esta facilidade poética ocultan as outras caras do labor literario e cultural do escritor de Baio: a de narrador, a de director de revistas literarias e xornais, a de dramaturgo, a de fotógrafo.
Humorismo, sátira, tradición, habilidade narrativa e un rexistro lingüístico (intencionado) de estirpe popular son aspectos que caracterizan a súa narrativa galega. Unha prosa que busca a luz en revistas como Galicia Moderna (Pontevedra), Fray Prudencio (Caldas de Reis) e Aires da Miña Terra (Bos Aires) nos últimos alentos do século XIX e nos nacentes do XX. É a etapa do Labarta narrador, con oito contos publicados en galego na prensa e un volume en lingua castelá titulado Cuentos humorísticos (Madrid, 1905).
A transcendencia da narrativa galega de Labarta perpetúase no tempo ata hoxe. “O tío Miseria” ou “O sacreto do tío Sanfona” foron contados nas lareiras da Costa da Morte para avivar o lume das conversas nas frías e longas noites de inverno. Popularizáronse de tal maneira que, nunha recolleita oral, xa nos é difícil distinguir a quen pertencen, se ben ó autor, se ben a quen os transmitiu a lombos de moitas décadas. Velaí a fortuna da prosa labartiana: ser parte imprescindible da memoria dun país. Velaí a pequena gloria do tío Miseria e outros contos.
Chámame un amigo da primeira adolescencia. Son Santiago de Barizo, ¿non me conoces? Dígolle que non ao oír a súa voz telefónica. Son Santiago de Zoqueiro, respóndeme. Agora si, caín da burra, ¿canto tempo? Xa había anos, penso, que non mantiñamos unha parola, desde que iamos xuntos ás festas da redonda.
Nada, dime, coma sempre. Bueno, coma sempre non. Este ano estou na comisión de festas do Carme e queríamos sacar unha revista. ¿Ti publicaches un libro de Malpica? Si, contéstolle, unha guía de camiños para facer a pé polo concello. E que queremos coller do libro todo o que fala de Barizo, ¿terías algún problema?, suxíreme. Non, para nada, exprésolle, con tal de citar a fonte de onde sacaches os datos chega e sobra.
A conversa derivou por outras miudezas e despediuse cun aquel de nostalxia dos anos compartidos.
Eduardo Pondal dicía nos seus versos que non quería cantar as grandes cidades, senón loar a súa “pequena Ponteceso”. Xosé Neira Vilas elevou á universalidade a literatura galega cunha obra que pode acontecer en calquera aldea de Galicia: as Memorias dun neno labrego.
Salvando as distancias cos dous autores anteriores, Camiños polo concello de Malpica de Bergantiños tamén foi unha aposta polo coñecemento e divulgación do noso entorno natal; ben para dárnolo a coñecer a nós mesmos, ben para aqueles que se deixen caer por estas apracibles terras. Camiños é, en definitiva, unha ollada ós recunchos da alma oleira, labrega e mariñeira de Malpica de Bergantiños.
A chamada do compañeiro Santiago tamén trae á nosa memoria as cantigas dunha vella comparsa cantada en tempo de entroido pola xuventude da parroquia na que vive: “Engancharemos a lus / en desde Porto do Fondo / con liñas de ir a pescar / que pra espantar é abondo. / Que diga o viaxeiro / que vai pola carretera: / «En Barizo hai alumbrado / coma nun pueblo calquera»
Saúde e boas festas por Barizo, amigo Santiago.
En Casa vouga inclúo un poema titulado “Val de Traba”. Os seus versos din así: «No val de Traba / seguirás coa vista o voo marmóreo da garza no inverno / na longura do areal. / Diante desta terra nai, comprobarás o pouco, / o pouco que é un home. / Se che terman os xeonllos non ocultes as bágoas de sangue, / adiviñaránseche»
Traba é un dos lugares míticos da Costa da Morte co seu areal aberto ó Atlántico, co seu ronsel de aves autóctonas e migratorias, coa súa lagoa de lenda viva e aves que nacen cada primavera, coa súa coroa montañosa de cumes dentados e pedras que cobran vida a cada ollada, coa súa igrexa de Santiago que ofrece ós ollos un virtuoso retablo de pedra, co seu figueiral de Mórdomo que busca abrigo no lombo das dunas e con tantas e tantas cousas.
Amais de todo iso, a Asociación Cultural Valverde continúa a poñer os chanzos para que siga sendo o gran espazo mítico da Costa da Morte, nesta ocasión a través da música tradicional co Traba Folk. Nel, na presente edición, as once cantareiras de Raigañas, Mercedes Peón, Fol de Veneno e Kerkennai foron reclamo de calidade para marcar unha data no calendario de citas musicais ineludibles durante o verán.
Raigañas e Fol de Veneno foron representantes na noite trabeña da música autóctona de Bergantiños. Mercedes Peón e o seu grupo, mostra dunha mestura de voz, instrumentación tradicional (pandeireta, gaita, clarinete, acordeón e sacho) e instrumentos de rock. Kerkenai, de sons máis calmosos e tranquilizadores.
Nesta terceira edición do Traba Folk todo ía semellar un concerto máis: un grupo de cantareiras (con disco de cancións autóctonas no mercado xa esgotado) para abrir boca e tres grupos folk para espreguizaren o sono das agras. Non obstante, a gaiteira, percusionista e cantareira, Mercedes Peón, quixo romper esa rutina e fixo subir e compartir escenario co ronsel das voces bergantiñás das cantareiras Raigañas. Primeiro, na metade do concerto, contou coa colaboración de Rosario das Marías. Máis tarde, cando animaba ós homes presentes no turreiro a seguiren os pasos de seus avós que montaban verdadeiras xoldras nos bailes de antano, mandou brincar á totalidade das Raigañas para despedirse coa última peza do concerto: a Ribeirana de Cerqueda.
Aquí, o festival entrou no seu máximo apoxeo. Trece voces de mulleres entrando por todos os micrófonos do escenario (as voces profundas de Bergantiños como lle di Mercedes), os seareiros, todos e todas, bailando desde a frontal do palco ata os camareiros que servían a esgalla racións de callos e mexillóns detrás da barra.
Con todo isto, Mercedes puxo a emoción no corazón do público demasiada alta como para pechar o concerto, así que, case sen tempo, demandáronse os bises. A gaiteira non deixou baixar as de Raigañas e outravolta á danza colectiva e á emoción sen límites. A propia Mercedes e as de Raigañas sacando e seguindo puntos nunha danza eterna, sen fin. Desde logo, todo un broche de ouro para un festival folk que ben seguro seguirá medrando ó longo dos vindeiros anos. E nós que o vexamos.
A parroquia cabanesa de Nantón emprázase na chanceira que comunica as terras Bergantiños coas da comarca de Soneira. Tralos relevos sinuosos e pequenos vales cruzados de cativos regatos de Riobó e Silvarredonda, Nantón ofrece unha panorámica largacía á ollada na que podemos contemplar fértiles chans, como denotan aínda as pegadas labregas do territorio.
A poboación de Nantón repártese en lugares de escasas vivendas entre os que se encontran Ameixenda, Anido, O Bidual, Camafreita, Os Carballás, A Casanova, Cazón, A Cuncha, Denillón, Doeña, Fontiñas, Os Martices, Padrín, A Palleira, A Pedra, Peralta e A Piolla. Cada nome destes lugares naceu cargado de significado tan profundo que só a súa pronuncia nos deixa entrever e interpretar cómo é cada un deles desde a nosa memoria. Ás veces a súa constitución do terreo, outras a vexetación que o formaba, nalgunhas as distintas construccións humanas e ademais outros referentes semánticos foron ferramenta imprescindible para que Deus puxese nome en Nantón a cada recanto onde o home decidiu habitar de por vida.
En canto á súa disposición, respecto da rede de estradas da Costa da Morte, Nantón é unha parroquia privilexiada posto que a columna vertebral do seu territorio está trazada pola principal arteria de comunicación que sae desde a cidade herculina ata as terras do finisterrae: a estrada A Coruña-Fisterra. Isto fainos doado a todos a invitación a visitar o seu castro, a súa igrexa de pegadas barroca e neoclásica, os seus cabazos grandes e á súa vez longos no tempo ou os seus espacios de lenda coma a “Cova dos Ladróns” nas proximidades de Peralta.
Pero, fundamentalmente, pódenos convidar a un pequeno recanto da historia (mellor protohistoria) desta parroquia cabanesa, xa que Nantón é abondoso en pegadas arqueolóxicas. É unha das parroquias bergantiñás que conta cunha importante presencia de xacementos arqueolóxicos. O arqueólogo Manuel Lestón Gómez, no Catálogo de xacementos arqueolóxicos do Concello de Cabana de Bergantiños, elaborado en setembro de 1996, tan só no lugar da Piolla, documenta catorce mámoas
Mámoa do Vao
Algún quilómetro máis atrás, no lugar do Vao, na marxe (dereita) contraria da estrada A Coruña-Fisterra a un viveiro forestal, xusto debaixo do tendido eléctrico de alta tensión, encontramos unha mámoa que nos traslada no tempo á época megalítica. Estratexicamente está moi ben situada para que o vaixeiro poida acceder a ela, posto que dista a penas unha vintena de metros desde a estrada. Emprázase nunha chousa de eucaliptos. Na última visita que lle fixemos estaba cuberta dunha alta capa de toxos. Este xacemento foi agredido hai anos coa extracción de parte da terra da súa coiraza. De todos modos, e pese a vexetación, podémola distinguir perfectamente na paisaxe.
Mámoa de Monteagudo
De entre as máis accesibles da Piolla podemos describir tres que se encontran nas chousas da marxe esquerda da estrada e máis afastadas dela.
Case ao pasar as últimas casas do lugar, e antes do desvío de Peralta, collemos por unha pista á esquerda. A unha centena de metros encontrámonos (ou encontrariámonos) coa primeira, coa mámoa de Monteagudo, a cal foi brutalmente destruída polo propietario da finca. Hoxe tan só se intúen os seus restos no valado ao ver, por entre as herbas, a terra negra e as pequenas pedras da coiraza que forman parte do muro que choe a herdade.
Mámoa da Chousa de Campelos
Camiño adiante, á dereita, damos coa mámoa da Chousa de Campelos. É de tamaño medio e ten, como particularidade visual, unha das súas marxes atravesada polas rodeiras dos tractores que acceden ás chousas. Isto, se ben degrada o moimento, por outra banda, fainos máis doada a súa localización.
Mámoa do Monte de Campelos
A terceira mámoa nantonesa, a do Monte de Campelos, está tamén na marxe dereita do camiño. É a máis pequena en tamaño e difícil de encontrar xa que a penas sobresae do manto de vexetación (fieita e toxo) que a cobre.
Petroglifo da Piolla
Camiño adiante, pero agora nun desvío de 100 m, encontrámonos co petroglifo da Piolla. Xunto con varias coviñas no castro de santo Hadrián Vello de Corme, a laxe inclinada de círculos con cruces que aparece na estrada que sobre ó campo do Cairo en Corme Porto e as grandes laxes sitas nas aforas da aldea do Roncudo (estas cunha ricaz variedade ornamental), o petroglifo da Piolla forma parte dun conxunto máis que interesante de xacementos da idade do bronce en Bergantiños. Cando, ao contrario, parecía que esta época arqueolóxica estaba orfa na comarca, agás os casos das cistas de Taraio (Cerqueda) e da Gándara (Borneiro). Sen embargo, hoxe, esta época da prehistoria bergantiñá, convértese, para nós, nunha das máis interesantes de todo tempo e terra de Pondal.
Para a súa supervivencia no tempo, o petroglifo da Piolla foi tocado pola sorte (bendita sorte), posto que no entorno se achaba unha canteira de extración de pedra para a construcción de casas. Segundo Manuel Lestón, varias mámoas da contorna sufriron agresións á causa desta extracción. Debido ás pequenas dimensións o petroglifo é difícil de localizar. Ás veces a súa observación é imposibilitada polo crecemento dunha gran capa de musgo que se estende pola superficie da laxe.
As insculturas do petroglifo da Piolla son de carácter monotemático: tan só a laxe aparece gravada con coviñas de varios tamaños. No lateral aparece unha fileira de tres pequenas covas que, tras un rebaixe propio da pedra, desembocan na franxa máis decorada da laxe. Nesta, unha gran cova, a modo de cunca, domina a decoración; ao seu arredor inscúlpense unha roda de pequenas covas a modo de aro; algunhas destas, tan só perceptibles ao tacto, non á vista; un pouco máis afastadas da cova ou cazoleta grande aparecen dúas series de pequenas covas distintas, e enfrontadas, de modo triangular coa súa base (de dúas covas) apegadas á cova grande, mentres que a punta do triángulo se orienta cara o exterior da laxe. A falta dun estudio arqueolóxico estas son gravuras que pode distinguir calquera observador ou afeccionado.
O Castro de Anido
A idade do ferro tamén ten a súa presencia nas terras de Nantón: o castro de Anido. Coma todos os recintos castrexos érguese próximo a un regato (o rego de Ponte Paíño), corrente fluvial que fornecería de auga aos seus habitantes. Precisamente unha das lendas do castro di que o camiño que atravesa unha chousa era por onde descendían os ‘mouros’ para coller auga a este regato. Outra lenda, recollida polo arqueólogo Rodríguez Casal, di que o castro estivo habitado por ‘mouros’ e ‘cartaxineses’ e que tamén hai soterrados no xacemento unha viga e unha ola de ouro.
A acrópole ovoidal, que primitivamente presentaría unhas dimensións de 90 m de lonxitude e 70 m de longo, é hoxe unha ampla pradería. As murallas, moi rebaixadas da súa altura orixinal, cúbrese de árbustos autóctonos. Contra o lado leste aínda é perceptible parte do foxo que circundaba o recinto. Segundo o profesor Otero Cebral, como restos arqueolóxicos, encontráronse sartegos formados por grupos de tres ou catro enterramentos. Isto pode ser indicio de que o castro estivo habitado polo menos en época romana. Respecto do seu emprazamento, para Manuel Lestón este xacemento “sitúase na transición entre terreos de cultivo e monte baixo”.
De un tempo a esta parte, a Asociación Neria vénse caracterizando por dar a coñecer a inmensa riqueza cultural e patrimonial do territorio da Costa da Morte. En números atrás de El Periódico de Bergantiños temos falado dun par das súas publicacións. Eran Costa da Morte. Guía turística e cultural de Xan Fernández Carrera, que neste verán ve a luz na súa segunda edición (ou reimpresión, isto non queda moi claro nos créditos do libro) e Escritores da Costa da Morte, un catálogo de poetas, narradores, ensaístas e investigadores naturais destas lindes e con obra publicada en lingua galega, volume da autoría de Xosé María Rei Lema, quen na actualidade traballa como asesor lingüístico da serie da TVG Mareas vivas.
Agora, dentro do programa «Descubrindo milenios», desde o Nadal de 1999/2000 ata o verán do presente ano, Neria publica unha triloxía de textos turísticos que redescobren e poñen en valor as antas, mámoas, pazos e faros da Costa da Morte.
Os tres volumes, con deseño de Manuel Suárez Suárez, presentan semellantes características: idénticas dimensións, introducción ao tema a tratar en cada libro, selección de antas, mámoas, pazos e faros máis salientables da Costa da Morte, descrición destes recursos por comarcas (comezando por Bergantiños e póndolle fin nas terras de Carnota e Muros), amplo repertorio fotográfico e mapas de situación de cada recurso turístico. Por sinalar algún dos seus moitos valores.
Arquitectura megalítica na Costa da Morte [Antas e mámoas] (1999)
Volume de autoría compartida entre Xosé María Lema Suárez e o seu curmán Manuel Suárez Suárez. Contou co asesoramento científico do arqueólogo Abel Antón Rodríguez Casal, autor da Carta arqueológica do Partido Xudicial de Carballo.
A nivel xeral dedícaselle un apartado do libro aos monumentos megalíticos e da idade do bronce nos sete concellos de Bergantiños. De modo particular, os autores detéñense na Pedra da Arca (Cerqueda), nos dolmens de Dombate (Borneiro) e na Fornela dos Mouros (O Aplazaduiro).
Da Pedra da Arca din que é “unha das antas máis grandes de Galicia” e que nela chama a atención “a monumentalidade do que queda de tampa de cubrición, de extraordinario grosor”. Os dous dombates aparecen descritos polo miúdo tanto con texto coma con recursos gráficos. O Dombate recente, igual ca algúns arqueólogos, denomínano “a catedral dos monumentos megalíticos galegos”. Da Fornela dos Mouros din que quizais sexa “un preludio do que van se-las citas de inhumación individual que xurdirán no territorio galego a partir do Bronce antigo”.
Os mellores pazos da Costa da Morte (2001)
O texto é da autoría exclusiva de Xosé María Lema Suárez. Este volume abre moitas das súas páxinas a importantes pazos da comarca de Bergantiños, concretamente a seis. O concello de Malpica de Bergantiños está representado polas Torres de Mens (co seu pazo no interior, que “presenta unha clásica planta en forma de L”) e o Pazo de Loroxo, construído por Gregorio Romero en 1742. De Ponteceso descríbese con detalle a Casa Grande de Sergude.
En Cabana de Bergantiños, Lema Suárez detense delongadamente no pazo da Casanova de Nantón e na Torre da Penela. De Laxe ofrécenselle aos lectores a Casa do Arco, que segundo Lema “é o edificio civil de maior importancia histórica de Laxe” e que tamén “é unha das escasas vivendas que nos quedan en Galicia de estilo gótico”. E o Pazo de Soesto, “un dos mellores pazos da Costa da Morte, e dos máis completos, pois, ademais do edificio en si, conta cuns bonitos e ben coidados xardíns, un pombal e mesmo un regacho –o rego de Soesto- que atravesa de sur a norte a leira murada”. En cada concello tamén ofrece Lema Suárez pequenas descricións de casas grandes ou pazos de menor importancia.
Os faros da Costa da Morte (Galicia) (2001)
No último libro da triloxía turística da Asociación Neria comparten autoría Xosé María Lema Suárez e Manuel Vilar Álvarez. É este un volume ben novidoso. Quizais o que mellor reflicta a personalidade ou identidade da Costa da Morte, deses concellos occidentais Galicia que son bañados por unhas augas tráxicas que lle deron nome a esta xeografía.
Tan só tres concellos bergantiñáns aparecen nesta guía de faros. Os únicos da nosa comarca que teñen no seu territorio estes edificios de sinalización marítima: Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Laxe.
Malpica aparece representado polos seus dous importantes faros. Do faro das Sisargas, illas que aínda seguen sendo propiedade da casa de Altamira, dise que “é o segundo faro máis antigo da Costa da Morte, pois prendeuse por vez primeira o 29 de xuño de 1853 (o de Fisterra acendérase a penas un mes antes)”. Segundo os autores, os fareiros das Sisargas, Manuel Mosquera, Xabier Castro, José R. Álvarez e Jesús Martínez, son “os derradeiros torreiros de illas deshabitadas de toda España, xunto con outros oito que atenden os faros das tamén illas galegas de Ons e Sálvora”. O Faro de Punta Nariga é o “máis moderno de Galicia”, obra do arquitecto pontevedrés César Portela levantada en 1994. Desta fermosa edificación civil destaca a súa integración na paisaxe e a súa concepción de monumento, non só como sinal marítima, senón tamén de enorme interese turístico.
Do faro do Roncudo en Ponteceso salientan a súa posición estratéxica desde a que se ve “case toda a ría de Corme e Laxe”, segundo Lema e Vilar. Para estes autores, desde o faro de Laxe podemos contemplar “unha boa panorámica da punta do Roncudo e o seu faro (ó norte), así como de gran parte da ría de Corme e Laxe”. Cerca deste faro, nas laxes da Pedra da Furna da Espuma, encóntranse as inscricións que “fixo en 1917 un rapaz de 17 anos chamado Isidro Parga Pondal, que andando o tempo chegaría a ser un famoso xeólogo”.
Con libros coma os que estamos a comentar a Costa da Morte cada día íspese máis para aqueles que a queira coñecer. Somos conscientes que son moitos os motivos que nos convidan a reparar nas múltiples facianas que ofrecen as comarcas da Costa da Morte. Autores como Lema Suárez, Manuel Suárez e Manuel Vilar levan tempo xa ofrecéndonos os numerosos vieiros de coñecer esta terra bañada polos naufraxios e ancorada no tempo desde as primeiras mámoas. Como lector e como habitante desta xeografía debemos agradecer o esforzo enorme tanto de autores como da entidade editora. Traballos coma estes son os que descobren e constrúen a Costa da Morte do presente milenio.
As cantareiras Raigañas veñen de recibir o premio Bergantiñán 2005 na convocatoria do Padroado da Cultura de Carballo. Aínda que este galardón é entregado de modo individual, tamén supón recoñecer o traballo feito por moitas agrupacións da comarca.
Sen lugar a dúbidas, 2005 foi un bo ano para estas cantareiras. Varios son os traballos que lles cómpre destacar. Primeiro, a publicación do CD, Baila que podes bailar, no que non só rescatan a memoria musical da súa parroquia de nacencia, senón que ademais inclúen temas de Malpica, Carballo e das terras de Santa Comba. Grazas ó labor destas voces femininas, cancións como a “Ribeirana de Cerqueda” forman parte da imprescindible antoloxía músical do país.
Segundo, colaboran na banda sonora da película Heroína na que se retrata a vida de Carme Avendaño, a nai coraxe contra o mundo das drogas. Nos momentos claves do filme, as voces de Raigañas poñen en valor o traballo de composición de Lucio Godoy. Por último, participan no traballo máis internacional do grupo folk coruñés, Luar na Lubre; en concreto, abrindo e pechando a canción “Amarante”.
Polo tanto, longa bagaxe para un ano de premio e recoñecemento destas once cantareiras. Pero todo isto é froito dun intenso traballo de anos, da sabedoría e paciencia de profesores como Quique Peón, Fransy González ou Olga Kirk. Como tamén o é da transmisión cultural que lles legaron os vellos e vellas de Cerqueda, Limiñoa, Cambre, Cances ou San Salvador nas tardes de domingo de recollida. Por suposto que tamén houbo cambadelas polo camiño, precisamente daqueles que tiñan que brindar o seu apoio.
Se entre os especialistas do mundo tradicional se di que Bergantiños é un paraíso musical pola riqueza das súas pezas, nesta comarca pódese considerar a pandeireta como a raíña dos instrumentos tradicionais. Acompañaba ás mulleres en calquera fiada, foliada ou festa para esquecer as duras angueiras do campo. Música tradicional bergantiñá mantida por man de muller. Imperio de melodías para salvalas do esquecemento e mantelas vivas.
As de Raigañas, xunto con outros colectivos, son as herdeiras das pandeireteiras vellas de Cerqueda, das de Mens, da señora María de Erbecedo, de tantas e tantas mulleres que ó longo do século XX acompañaban as súas voces labregas cun instrumento tan humilde. En definitiva, son fillas dunha lonxeva estirpe de mulleres cantareiras. E o futuro da identidade cultural bergantiñá tamén pasa por transmir todo este importante legado musical. Sirva o traballo destas cantareiras premiadas como exemplo.
Queremos traer a este espacio unha iniciativa social que, por acontecer onde acontece, nos parece de grande importancia. Trátase da seguinte. A Asociación (agora) Cultural Raigañas de Cerqueda, dentro do seu programa (tamén cultural) de verán, iniciou, a principios da semana pasada, unha ludoteca dirixida ós nenos (e nenas) máis novas (e novos) da parroquia.
¡Que curioso! Nos tempos en que, a cada pouco, pechan as escolas unitarias por falta de público escolar (por exemplo, a das Pozacas) ofréceselles ós cativos (e cativas) de Cerqueda un espacio no que compartir divertimento e aprendizaxe. Once raparigas (e raparigos) que acoden cada día ó local de Aldeola coma quen vai á misa con zapatos novos. ¡Quen nos dera isto a nós cando eramos coma eles! Por fortuna, a sociedade vai cambiando, de vagar. Supoñemos que para mellor.
Respecto do número de discentes que acoden á ludoteca hai un dato curioso. Un dos pais díxonos o outro día. “Antes había en cada lugar os nenos que veñen hoxe aquí de toda parroquia”. Debemos crer que aquel alto índice de natalidade de antano (nove fillos por matrimonio, por exemplo) é impensable na actualidade. Pero tamén debemos reflexionar sobre a desertización do medio rural. Con isto non facemos referencia a aldeas illadas de Ourense e Lugo, senón a aldeas malpicás. Respecto a isto último, hai outro dato relevante e desalentador. Unha gran parte dos matrimonios novos de Cerqueda prefiren alugar ou mercar un piso en Carballo. A cidade ofrécelle outras vantaxes, mesmo laborais. ¿Que se fai para solucionar isto?
E como o devandito leva poucas trazas de haber quen o solucione, en Cerqueda contentarse con que este verán as máis novos (e as máis novas) teñen ludoteca organizada por unha humilde asociación dunha parroquia rural. Por certo, deste colectivo queremos cualificar como excelente o programa de actividades que desenvolve ó longo de todo o ano e dirixido a todos os sectores de poboación da parroquia. Particularmente, somos máis devotos de boas programacións de cultura anuais ca de esporádicas actividades faraónicas. Pero ‘bueno’, como dixo o outro, “menos mal que nos queda Portugal”. ¡Arriba Razo!
A fortuna quixo que leramos, cando estaba inédito, o libro Seavia é nome de parroquia de José Antonio Andrade Figueiras. Na mañá do 15 de agosto, relémolo en letra de molde con outros ollos, xa que sempre ten un aquel de prestancia a lectura dunha obra en formato libro. Preferimos a lectura dun texto en libro antes ca na pantalla do ordenador.
Definimos esta publicación de J. A. Andrade como unha narración de vivencias da infancia. Nelas recréanse persoas e espazos rurais dunha parroquia bergantiñá nun tempo cargado de penurias e miserias. En certa maneira, Seavia é nome de parroquia constitúe unha urxente chamada de atención á nosa conciencia para lembrar de onde vimos todos aqueles galegos e galegas da aldea (con honra) que roldamos os 40 anos en diante.
Quen lle pon voz á narración é un personaxe chamado Toniño, que ben pode ser trasunto do autor real. Mesmo nalgunha páxina do volume debaten ambos sobre o estilo que deberá levar o texto. Ó final, optan por fuxir dun rexistro literario puro e ofrecer unha comunicación directa co lector tinguida baixo o ton da nostalxia.
Cómpre saudar cos máis altos méritos a aparición deste libro, porque consegue o que moi poucos volumes fan: lograr unha comunicación emocionante e emotiva desde a primeira páxina, aínda que a un lle poidan resultar descoñecidos moitos dos espazos que recrea.
Ademais, Seavia é nome de parroquia amosa un alto dominio da lingua galega por parte do autor. É unha lingua viva, cun estilo directo e que presenta o modo real de falar dos seavenses. Merecida homenaxe á lingua da parroquia natal da Rexubeira de Bergantiños.
Un dos perigos que podería correr J. A. Andrade á hora de escribir este seu libro era caer nun localismo nostálxico. Pero lógrao superar habilmente ó dotar a historia cun sentido universal. As vivencias e emocións que aquí se lembran puideron acontecer en calquera cornecho do planeta.
Prestóuchenos ben a lectura de Seavia é nome de parroquia. O noso corazón bergantiñán xa andaba un tanto falto de libros coma este. Recordounos a aposta estética de Eduardo Pondal que prefería cantar a súa “pequena Ponteceso” antes cá “Barcelona populosa”. Tróuxonos á memoria as miserias do Balbino das Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas ou As aventuras de Alberte Quiñoi do estradense Ken Keirades.
Con Seavia é nome de parroquia un narrador de pluma consolidada alumea con luz propia nos anaqueis da literatura galega nacida desde Bergantiños. Agardamos pronto novas lecturas de seu.